logo ade sdg-01

Un pouquiño de historia

A nosa asociación nace no ano 1.973 a raíz dunha escisión de ASDE.  Xunto con mozos provenientes de Acción Católica, reúnense no mes de outubro para celebrar a xuntanza fundacional dos “Scouts de Galicia”, pois xa dende o primeiro momento aspiraban a ser o  xerme dun Escultismo católico con presenza en toda Galicia. Esta asemblea fundacional é presidida por Xosé Conde Ares e por Luis Conde Asorey, o último en representación do Arcebispo de Santiago. Nesta asemblea apróbanse os estatutos e a creación da Asociación Diocesana de Escultismo de Santiago de Compostela, pedindo ao Arcebispo a aprobación e erección canónica desta e o nomeamento do elixido Delegado Diocesano.

O equipo de goberno está formado por:
– Xosé Antonio Ares Conde como Delegado Diocesano.
– Roxelio Perez Poza como Secretario Diocesano
– Concepción Paz López como Responsable Xeral de Lobecos
– Guillermo Ferreira Acuña como Responsable Xeral de Rangers
– X. M. Fernández Paredes como Responsable Xeral de Pioneiros
– Benito Paz Trelles como Consiliario provisional.

Ese mesmo ano asístese á Asemblea Xeral do Movemento Scout Católico en Xerez da Fronteira onde a nosa asociación é admitida como membro.

O 21 de febreiro de 1974 o Arcebispo de Santiago de Compostela, Monseñor Suquia, ratifica a creación da asociación e fai os nomeamentos oficiais. Ese ano entran a formar parte da asociación os grupos:

Lume da Coruña, Unidade Ranger de Vilaboa (futuro grupo Xeca) e o Grupo Scout Aloia de Tui, fundado polos Irmáns Maristas, que aínda que pertencen a outra diocese, empezan o seu camiñar xuntos para dar forma á futura Federación de Scouts de Galicia.

No ano 1975 consolídase a creación da asociación grazas ao nacemento dun Equipo Pedagóxico e outro administrativo. En marzo dese mesmo ano empeza unha pequena crise que dá como resultado a desaparición do grupo Lume. A crise alóngase ata o ano 1977. Ese ano o Xefe de Grupo do recén creado Grupo Scout Xeca, Xesús Nogareda, é elixido novo Delegado Diocesano e María Jesús Lorenzo será a nova Secretaria e Tesoureira.

A finais de 1977 o Grupo Scout Semente entra a formar parte da asociación, o que da esperanzas para unha nova etapa, pero é no ano 1981 cando nunha mini-asemblea realizada en Vilaboa regresa o Grupo Aloia, que se dera de baixa e se prepara a Xuntanza  de Louro (Muros), coa presenza do Presidente de MSC, Rafael Méndez; tras anos sen Consiliario é designado para o cargo Manuel Formoso.

No ano 1982 na asemblea de Poio entran os grupos Nyeri da Coruña, do colexio Salesiano e Itaca de Santiago de Compostela. No ano 1983 entra a formar parte o grupo Falxidre de Ferrol, co que tamén empeza a sentarse a semente do Escultismo Católico nesa Diocese. Na xuntanza de 1984 entra o grupo Nerium de Cee e no ano 1985 é elixido como novo Delegado Diocesano Luis Cuntín Docampo, que xa viña desempeñando diferentes cargos.

En 1989 entra a formar parte o grupo Búrbida de Redondela e Khaniwhara de Santiago.  No ano 1992 algúns membros da asociación participan no Camiño de Santiago organizado por MSC. En 1993 organizamos a coordinación do servizo de acollida e orde da Peregrinación Europea de Mozos do ano Santo (campo ruta Abeiro 93).

Nestes anos aparecen e desaparecen grupos pola xeografía galega, o que leva a dar forma a idea orixinal de crear unha federación galega que aglutinase ás diferentes asociacións diocesanas scouts que prestase uns servizos comúns para dar forma a un escultismo común galego. Así nos anos seguintes vanse creando as Asociacións Diocesanas de Esultismo de Tui-Vigo e Ourense. Por outro lado continúan os seus proxectos os grupos de Mondoñedo, que xa crearan a súa propia. Danse uns primeiros pasos mancomunados e logo fúndase Scouts de Galicia. Aparecen nesta etapa o grupo Dorna da Coruña, Citania na cidade dos rapaces, Ingaró na Coruña, Xunqueira en Cee, Stoas en A Coruña, Ronsel en Oleiros, Ahadi na parroquia da Nosa Señora dos Rosales en A Coruña e Taú no Convento Franciscano de Santiago.

Nestes anos estes Foron Delegados Diocesanos:
Xosé Antonio Conde Ares
Xesús Nogareda
Luis Cuntín Docampo
Emilio Abella Rey
María Calviño Pedreira
Eduardo Penabad Ramos
Paulino Martínez
Ricardo Vázquez Souza
Iago Prado

En setembro de 2013 foi elixido como Delegado Diocesano José María Santos Rodríguez na XXXVIII Xuntanza realizada en Santa María de Sada en setembro de 2013 e ratificado por Monseñor Julián Barrio Barrio actual Arcebispo Metropolitano, ademais o equipo esta formado por:
David Míguez como Secretario Diocesano, Sara Cordeiro como Tesoureira Diocesana, Adrian Docampo como adxunto ao delegado para temas de Promoción e Manuel Cachaldora como Consiliario Diocesano.

Dende setembro de 2016 foron reelixidos por 3 anos máis José María Santos Rodríguez e David Míguez Gallego como Delegado Diocesano e Secretario Diocesano respectivamente, sendo José María (Chema) novamente ratificado por Monseñor Julián Barrio Barrio actual Arcebispo de Santiago de Compostela. Nesa mesma Xuntanza foi elixida Andrea Pallas Bazarra como Tesoureira Diocesana. Ademais o equipo está formado por Diego Mendoza García como Adxunto ao Delegado con funcións de director do Centro Scout Abeiro, Ismael Carballo Bonigno como Adxunto ao Delegado con funcións de coordinador da aula didáctica sobre Escutismo e Francisco Raigón Jiménez como Adxunto ao Delegado con funcións de coordinador de actividades de voluntariado e cooperación.

Anuncios